Monday 06 de May de 2024

O Concello reúne mañá sobre o escenario de María Pita a Seguridad Social, Melón Diesel e Revólver


A iniciativa ‘Locos Coruña’ animará o público coruñés a partir das 22.00 horas, continuando o ciclo de concertos das festividades locais

Comeza o ciclo Música na Rúa, con actuacións gratuítas da Banda Municipal de Música na praza de San Andrés

O Concello da Coruña reunirá mañá, xoves 3 de agosto, a diferentes bandas e artistas en concerto no marco das ‘Noites de María Pita’. Baixo o nome de ‘Locos Coruña’, agruparanse nomes do panorama nacional como Seguridad Social, Melón Diesel, Rafa Sánchez e Revólver como parte da programación musical deseñada polo Goberno de Inés Rey para a celebración das Festas de María Pita 2023.

Trátase dunha cita especial na que o público coruñés poderá gozar de numerosas formaciónsdos anos oitenta. Aos artistas e grupos mencionados sumaranse The Refrescos, Miguel Costas, Tennessee, Guaraná e La Poptelera que completan un atractivo cartel musical na terceira cita do ciclo de concertos. O espectáculo comezará a partir das 22.00 horas na praza de María Pita, con entrada de balde ata completar capacidade.

O público poderá rememorar himnos da música española como “Chiquilla” de Seguridad Social, “Aquí no hay playa” de The Refrescos, “Bailaré sobre tu tumba” de Miguel Costas ou “Grita” de Melón Diesel entre outras moitas máis composicións que marcaron unha xeración no país. O obxectivo é ofrecer aos coruñeses e coruñesas unha programación cultural e musical aberta a todos os públicos para que poidan gozar das festividades locais.

A xornada de concertos das Noites de María Pita continuará o venres coa navarra Amaia Romero, coñecida polo seu paso como gañadora da edición de Operación Triunfo 2017. A artista, enmarcada no xénero indie ou pop alternativo, chega á Coruña coa súa xira de verán sendo a única cita prevista en Galicia. Seguiranlle os compositores Vanesa Martín, o sábado 5, e El Kanka o domingo 6, completando o ciclo de “Noites de María Pita” na fin de semana.

Máis actividades para mañá | xoves 3 de agosto
No marco da programación para as Festas de María Pita 2023, a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá mañá, ás 20.00 horas, un concerto gratuíto na Praza de San Andrés. A cita forma parte do ciclo de “Música na rúa” que cada verán pretende achegar a música de cámara ao público xeral cun repertorio recoñecible e atractivo.

A actuación de mañá estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis e levará o nome de ‘Músicas e rosas’. ‘Música na rúa’ percorrerá a cidade durante este mes, confluíndo con outras actividades do programa, como o Viñetas desde o Atlántico, a Semana Clásica ou a Romaría de Santa Margarida.

Ademais continuará, nos xardíns de Méndez Núñez, a Feira do Libro. Unha cita tradicional no verán coruñés que este ano reúne a máis de 100 autores e autoras en 32 casetas, dúas máis que no pasado ano. Podes consultar toda a programación das Festas de María Pita nesta ligazón.